A calor derrete os xeos dos lacrimais e as bágoas caen no asfalto estéril, mais gota a gota ermo o meu ser que fica preso da dor do solo. Porque a terra subxacente contén os berros da eternidade que vibra a ras dos talóns meus. Este corpo é todo meu e, non embargante, cae vítima do ben común: a terra, que ha de ser nada dende o momento en que estoupe a cólera do espacio infinito. O meu corpo é teu, porque ti es dono do infinito palpitante de min toda. Non son nada desque o mal glaciar apresou a paixón recalcitrante, incorrupta en expansión polo universo de axexante dor. Dóeme esta nada que te contén, ti es o infinito sofrimento das estradas do infernal desexo, o sinal dunha estrela morta. ¿Que ha de ser dos planetas? Fico, amante da terra e dos ecos do espacio, silente, agardando o estoupido da paixón infinita. Hei de ser nada, etérea entre os elementos, abafada polo magma primixenio que flúe talmente os ollos secan de abandono. O amor se expande até desaparecer da face de min, dos meus ollos ermos cal terruño inútil. ¿De que vale chorar a desaparición da estase? Non haberá futuro lonxano de prosperidade, porque a terra agoniza parella ás entranas doentes. Unha enfermidade encoberta dará liberdade a tantos anos de existencia e todo será estío, calor recalcitrante e vingativa, e xamáis haberá setembro.
Ola! Benvidos ao meu pequeno espazo na rede. Desde aquí achegarei o meu mundo particular para quen estea interesado en saber máis de min e das miñas atrapadas.
Bicos.